O pergamiño Vindel é o único documento musical con
cancións profanas coñecido na actualidade da literatura galego-portuguesa medieval. O
manuscrito contén o texto de sete cantigas de amigo atribuídas a Martín Códax,
acompañado da música de seis delas. A primeira noticia da súa descuberta viu a luz en
febreiro de 1914 na revista Arte Español. Posteriormente, o seu descubridor, o libreiro
madrileño Pedro Vindel deu á luz en 1915 a primeira edición facsímile do conxunto do
manuscrito, cunha tiraxe infíma -á penas dez exemplares- destinados sobre todo a ofertas
de venda. O manuscrito foi adquirido polo musicólogo Rafael Mitjana, que tencionaba facer
un estudio da música do mesmo, pero a súa morte en 1921 impediu a realización do
proxecto. O manuscrito quedou na súa biblioteca de Upsalia (Suecia) onde residía a súa
viúva, ata que foi vendido polos herdeiros. Adquirido polo bibliófilo profesional Otto
Haas, foi posto á venda en Londres polo seu colega Albi Rosenthal e comprado pola
Pierpoint Morgan Library de Nova York onde se conserva desde 1977 coa signatura M 979.
O pergamiño mide uns 34 cm. de altura e 45 de ancho. A dobra vertical
que se encontra no medio do manuscrito, dános pé a pensar que se trata dunha "folla
volante" morfolóxicamente distinta mais equivalente ós rolos dos que se fala
habitualmente para as composicións soltas da lírica trobadoresca. . |
Foi achado servindo de forro dun códice do século XIV
que contén un "Cicerón, De Officiis", in-4ª , constituíndo o conxunto un
volume encadernado da forma máis simple dentro das chamadas encadernacións monásticas.
Este pergamiño está escrito nun só lado e a cuatro columnas; a
primeira contén 26 liñas, a segundas 24, a terciera 23 e a cuarta 17. A primeira columna
contén cinco pentagramas con notas musicais, a segunda seis, a terceira outros seis, e a
cuarta catro. Na escrita obsérvanse varias mans e foi feita a tinta negra, os pentagramas
con tinta vermella, as iniciais de dous tamaños con tintas azuis e vermellas. A sexta
canción só ten os pentagramas pero sen notación musical.
Polo tipo de letra e de notación musical, ambos moi próximos á das
Cantigas de Santa María, podemos supor unha data de elaboración do pergamiño nas
décadas finais do século XIII. A representación das palatais como "ll" e
"nn" non nos determinan sequera unha zona xeográfica dentro da península, pois
a introducción das grafías "lh" e "nh" na Chancelería portuguesa a
partir de 1265-75 non se fixo senón de forma progresiva e lenta. Deste xeito, o
pergamiño Vindel podería ter sido elaborado en Galicia -onde o aproxima a temática das
cantigas- , pero tamén nas cortes de Portugal, León ou Castela, pois en todas estas
cortes se trobaba en galego. |