I CONCURSO GALEGO DE CACICADAS "PROCESIÓN DOS CALADIÑOS"
CLUBE CULTURAL ALEXANDRE BÓVEDA.
![]() |
O CLUBE CULTURAL ALEXANDRE BÓVEDA DE OURENSE vén de
convocar, ó abeiro das reflexións públicas do Foro "Luzes de Galiza" e na
mellor das tradicións humorísticas e anticaciquís o I CONCURSO GALEGO DE CACICADAS "PROCESIÓN DOS CALADIÑOS". Mandar traballos o: APARTADO DE CORREOS 85. OURENSE (Orixinais ata o 15 de marzo). Ve-la presentación e bases do concurso.
|
PRESENTACIÓN
E BASES DO CONCURSO PRESENTACIÓN A figura do cacique como intermediario máis ou menos ilustrado entre os poderes do estado liberal e o paisano ( coa nova categoría de "cidadán" desde o XIX) non é algo exclusivo de Galicia na súa orixe decimonónica, pero case si na súa pervivencia ata o século XXI. Aquel intermediario, seguramente, foi ineludible nun momento no que unha chea de condicións socioeconómicas, entre elas, sobranceiramente, unha escolarización sumamente escasa, impedían que o elemento popular tivese nas súas mans as letras e destrezas precisas para unha relación libre coa nova forma de organizar o mundo que representaba o Estado. O sistema do vello "cacique" -que os había bos ou malos para os veciños, segundo a súa actitude nesa "intermediación"- foi evolucionando ata chegar á "rede clientelar" actual, na que non se trata xa de exercer de "intermediario" en beneficio propio, senón de monopolizar, con absoluta exclusividade, a relación coas institucións e os amplos recursos económicos que as caracterizan no noso tempo histórico, producto da función social que hoxe lles é propia. Desde esta anti-ética, aquel que non é "cliente" -coñecido, amigo, partidario, favorable, etc - das súas ideas, non ten posibilidades de conseguir nada importante derivado da xestión da parcela de poder que lle corresponde. A vella actitude contestataria dos cidadáns conscientes contra estas formas de monopolizar o poder transmutouse hoxe na coñecida "procesión dos caladiños", onde ninguén ergue a súa voz podente, pois xulga ineficaz o esforzo perante as argumentacións "democráticas" de "gañamo-las eleccións, daquela témo-lo poder e facémo-lo que nos peta" e non desexa "significarse" e perder toda posibilidade de hipotético acceso a unha "subvención" ou "prebenda", desas que son tan sabia como eficazmente administradas polo poder. E estas redes, como Internet, chegan a case tódolos lugares. Se temos en conta que en Galicia hai máis de trinta e cinco mil nucleos de poboación, todo aquelo que tiña que ver coas comunicacións e coa asimilación das condicións de vida do medio rural ó urbano foi campo a actuación especial para as "redes" na historia pasada. Pero hoxe xurdiron moitos outros campos de influencia, tantos como parcelas de poder; os concellos, as deputacións, as institucións autónomas, o mundo da cultura, a Universidade, as Fundacións, os medios de comunicacións públicos, as Caixas, ......... Por todo isto, o clube Cultural Alexandre Bóveda de Ourense vén de convocar, ó abeiro das reflexións públicas do Foro "Luzes de Galicia", e na mellor das tradicións humorísticas e anticaciquís o I CONCURSO GALEGO DE CACICADAS "PROCESIÓN DOS CALADIÑOS". de acordo coas seguintes bases: 1) Poderán participar cantas persoas ou colectivos o desexen, de toda Galicia, con nome, pseudónimo -con plica que acompañe-, ou de forma plenamente anónima - nunca ninguén, nin nós mesmos, saberá que é o participante -e que envíen escritos - coa documentación anexa, gráfica, fotográfica, fonográfica, videográfica, audiovisual, etc. , que se quixer, ou só co seu testemuño veraz -no que se conte, nun máximo de tres folios e de xeito lúdico, unha cacicada. 2) Os orixinais deberán ser remitidos ó apartado de Correos número 85 de Ourense, antes do día 15 de marzo de 1999, nun sobre sen indicacións exteriores que o identifiquen. 3) O xurado estará composto por persoeiros de recoñecido prestixio ( ou de bastante ou de ningún, como cadre), e haberá membros públicos e membros clandestinos - cuxa identidade nunca se fará pública- e hase reunir de xeito discreto e secreto para a selección dos premiados, contra finais de marzo, nun lugar que tampouco se fará público. O xurado está facultado para modificar, transformar, interpretar, suprimir, etc calquera artigo ou o conxunto destas bases e poderá amoestar, reprender, denigrar e mesmo expulsar a calquera membro do mesmo que manifeste algún desacordo importante coas indicacións que se lle fagan chegar. 4) Sen prexuízo da capacidade de transformación recoñecida no punto 3, os organizadores pensan nas seguintes categorías:
Entre as cacicadas presentadas, xulgarase a cantidade, orixinalidade, saber facer, estructuración da rede, etc. e escollerase un Vicerrei dos Caciques, e os cargos que o xurado considere oportunos, e que integrarán, todos eles, o corpo colexial de caciques maiores do reino cuxa composición se fará pública mediante ambivalentes ( e pouco valentes) iniciais, xunto co fallo do xurado. 5) O fallo do xurado e a entrega de premios terá lugar públicamente ó día 1 de abril -día de nós, os inocentes, na vella tradición occidental- nun acto público no que os membros clandestinos do xurado poderían aparecer encapuchados e na que os premiados pola gracia, orixinalidade e verosimilitude de cacicada presentada, de quereren asistir, poderán facelo, se o desexan, encarapuchados con pasamontañas negro proporcionado pola Organización ( do concurso). Antes de facerse público o fallo, comunicarase discretamente ós premiados - de saber que son -e mesmo ó Vicerrei electo. 6) Os premios terán todos eles un valor simbólico - reproduccións do ciborio da Catedral de Ourense-, agás o do Vicerrei dos Caciques que, como corresponde ós nosos ancestrais costumes, será un Xamón de porco galego. Recibirá ademais, como complemento, unha botella de Ron Cacique. O Vicerrei electo ten a potestade de facer, ou non, unha intervención de defensa da súa xestión e de convidar, ou non, ós presentes a consumir, no momento, o xamón. No caso de que o faga, haberá que llo agradecer. No caso non se presentar este gañador a recoller o seu premio, será degustado de contado por tódolos presentes no acto, por gracia e favor, neste caso, da Organización ( do concurso). 7) O Clube Cultural Alexandre Bóveda, se a calidade así o aconsella, tentará que algunha institución pública ourensá edite o conxunto das obras presentadas. En calquera caso, os nomes de persoa serían sempre substituídos por iniciais, para non comprometer xudicialmente ós participantes, ós organizadores ou ós editores. 8) O clube Cultural Alexandre Bóveda poderá transformar como lle pete a convocatoria deste concurso, e mesmo suprimilo, retractarse e negar incluso telo convocado, se recibe presións externas que así o aconsellen.
|