PROGRAMA DO BNG PARA AS ELEICIÓNS ÁS CORTES XERAIS DO ANO 2000

EMIGRACIÓN

No século XX, Galiza perdeu como consecuéncia da emigración perto de un millón de habitantes. As décadas dos 50 e os 60 foron especialmente duras e viron como centos de miles de galegos e galegas partian para países de Europa e América, maioritariamente. Esta situación de feito configurou co paso do tempo unha Galiza exterior, homes e mulleres que manteñen con orgullo a sua condición de galegos nos países de acollida. Para o BNG o repto está absolutamente claro: lonxe da política de propaganda, esmolas e clientelismo que están a practicar os governos da Xunta e do Estado, compre criarmos na Galiza as condicións económicas necesárias que permitan o retorno dos galegos e galegas emigrados que desexen voltar ao país e, simultaneamente, estabelecer programas de actuación social que supran as deficiéncias dos sistemas de protección social dos países de acollida. Con este obxectivo, o BNG defenderá nas Cortes Xerais do Estado as seguintes medidas:

1) Estabelecimento dun plano coordenado coas Comunidades Autónomas para o retorno dos emigrantes que asi o desexen, que contemple aspectos de emprego, vivenda, pensións, servizos sociais, etc.

2) Estabelecimento dun plano de asisténcia sanitária e de servizos sociais que permita cobrir as deficiéncias dos sistemas de protección social dos países de acollida, principalmente en países de América do Sul, e que garanta uns níveis asistenciais mínimos para todos os emigrantes orixinários do Estado español.

3) Consolidación das pensións non contributivas para os emigrantes maiores de 65 anos que carezan de meios económicos e que, por distintos motivos, non podan retornar.

4) Inclusión da Língua, Literatura e História de Galiza nos centros educativos españois abertos no estranxeiro, para atender a instrucción dos alunos de orixe galega, fillos de emigrantes.

5) Na programación exterior de RNE e TVE, inclusión regular de información en língua galega, máis que xustificada polo volume de emigrantes galegos. Emisión en galego do programa "Galicia para el mundo", da 2ª canle de TVE.

6) Promover acordos cos países de residéncia para facilitar a repatriación de capitais, e o investimento por parte dos emigrantes que desxaren desenvolver proxectos empresariais na Galiza.

7) Estabelecimento de acordos de dobre imposición con todos aqueles países onde residan inmigrantes galegos.

8) Instar o Governo á ratificación dos Convénios Internacionais sobre emigración acordados no seo da ONU ou da Organización Internacional do Traballo (OIT) que ainda non foran ratificados polo  Estado español.
  1