X.S.G.
XUVENTUDE E MEDIO RURAL
Propoñémo-la potenciación das axudas por parte da Administración e demais organismos que asuman estas competencias, para os xóvenes que se inicien en explotacións agrarias e gandeiras. O primeiro que deberiamos destacar é a similitude de moitos dos problemas da xuventude do entorno rural en comparación cos de xóvenes doutros ambientes, pese a que o illamento daqueles acentuou a gravidade da súa situación, creando, ás veces, problemáticas exclusivas. Polo tanto, cremos oportuno referirnos a un medio rural, e non a unha xuventude rural como denominación xenérica deste colectivo xuvenil. O problema laboral é quizais un dos que máis sufre a poboación xuvenil a tódolos niveis, e os xóvenes do medio rural están a tódolos efectos condicionados polo seu apego, ás veces forzado, ás actividades agrícolas e gandeiras, determinando estas un círculo pechado ante o paro. A educación no medio rural é un dos pilares básicos para o futuro desenvolvemento económico e social, claramente necesario no noso pais, que permita unha formación a niveis acordes cunha sociedade avanzada e moderna. A rehabilitación e potenciación do marco rural como espacio socioeconómico e social afecta e implica de xeito directo ós xóvenes, o axente motor mais adecuado nesta nova política de mellora do ámbito rural. As posibilidades de acceso á información por parte dos xóvenes a traverso das canles tradicionais son escasas. Este problema agudízase cando falamos da xuventude que vive no medio rural. É por elo que dende X.S.G. debemos loitar polo artellamento de medidas tendentes a eliminar esas barreiras de incomunicación que non lle permiten ó xoven do rural facer emprego de tódolos servicios que lle proporcionan as iniciativas públicas e privadas. Loitaremos neste senso pola creación de Centros Comarcais de Información Xuvenil, así como de oficinas itinerantes en cada comarca que visiten tódolos concellos da mesma, facendo chegar así a tódolos xóvenes os servicios, recursos, convocatorias, iniciativas sociais..., existentes. No outro orde, aparece a formación como canle axeitada para a integración do xoven do ámbito rural. É por isto polo que dende X.S.G. reivindicarémo-lo fortalecemento das escolas e casas taller existentes, así como a constitución de novas en aqueles concellos onde non existan. Asemade, apoiaremos aquelas iniciativas das institucións encamiñadas a unha formación especializada dos xóvenes destas zonas, así como as axudas económicas ós xóvenes emprendedores do rural. Ademais, os xóvenes socialistas apoiamos o fomento de programas tendentes a salva-la transmisión cultural entre as zonas rurais e as urbanas, a traverso do establecemento de Casas de Cultura e de Xuventude en cada concello, así como da potenciación de programas de animación deportiva, xuvenil e cultural. X.S.G. reivindica máis alternativas de ocio para os xóvenes do rural, sen dirixir aquel á súa explotación económica (esta negativa non é debida á rendabilidade dese ocio, escasa na maioría das ocasións). Propugnamos, pola contra, o ocio impulsado dende os concellos, e referido á organización de excursións, viaxes turísticas, ciclos de cinema ou teatro afeccioado, concursos variados... Outro tema onde debemos involucrarnos os xóvenes socialistas galegos é o da denuncia da insuficiencia ou mal funcionamento do transporte público que se dirixe ata zonas do rural, caracterizado na maioría dos casos pola precariedade dos servicios, escaseza de horarios e malas condicións dos autobuses. É unha prioridade básica a equiparación dos servicios sanitarios das zonas rurais cos das urbáns, e neste senso debemos reivindica-lo potenciamento de servicios de planificación familiar e de prevención de toxicomanías. X.S.G. reclama a atención sobor da problemática dos montes veciñais, que están en moitos casos descoidados, polo que pedimos a expropiación cando ésta sexa precisa. Propoñemos un modelo mixto de agricultura, coa creación, de xeito experimental e en zonas abandonadas, de modelos de sociedade colectivizada, imitando ós "kibbutzs" de Israel. Chamamos a atención sobor da problemática da comunicación no medio rural, que impide en numerosos casos o aproveitamento de moitas terras.