X.S.G.
Igualdade
Loita contra a Discriminación
- O concepto de igualdade na ideoloxía socialista debe entenderse
como fin último do noso pensamento. Deben combinarse tanto a loita
pola igualdade xurídica coma a loita pola igualdade real nos ámbitos
das actitudes individuais e da convivencia en sociedade. Acada-la igualdade
real comeza pola acción individual que procuraremos se convirta
nunha acción colectiva. As liñas de actuación neste
eido das agrupacións de X.S.G. deben centrarse na loita contra a
discriminación:
- Por razóns de xénero.
- Por discapacidade.
- Por procedencia e/ou raza.
- Por situación económica.
- Por ideoloxía política e/ou relixiosa.
- Por orientación sexual.
- POR RAZÓN DE XÉNERO
- A IGUALDADE ENTRE O HOME E A MULLER.
- Conquerida a igualdade xurídica das mulleres con respecto ós
homes, o noso traballo débese centrar en acada-la igualdade real
nos diferentes ámbitos coma, por exemplo, o acceso á formación,
o combate das desigualdades no mundo laboral, a participación da
muller nas asociacións e na vida política, etc.
- Fomentaremos as políticas de acción positiva na sociedade
que permitan un total desenvolvemento da muller nas diferentes áreas.
Potenciaremos: a ruptura dos roles tradicionais e a igualdade de oportunidades
no acceso á formación e ó mundo laboral. Pero o modelo
igualitario antes citado tamén precisa da promoción da muller
nos postos nos que está inxustamente infrarrepresentada, sen que
elo supoña chegar a extremos desprezativos cara ós homes,
senón que se acometa unha política correctora de vocación
provisional ata chegar á definitiva desaparición das desigualdades
por razón de xénero.
- Denunciaremos as situacións de discriminación ás
mulleres coma son o trato na publicidade, nos libros de texto, nos medios
de comunicación, etc.
- Será acción de X.S.G. o traballo pola mellora da calidade
de vida e erradicación de situacións desfavorables para as
mulleres. Así, loitaremos por:
- - Erradicación das situacións que lles obriguen a exerce-la
prostitución, e mellora da situación das mulleres prostitutas,
solicitando a legalización do seu traballo.
- - Creación de servicios públicos destinados á
integración de mulleres marxinadas.
- - Campañas dirixidas a promove-la denuncia de maltrato á
muller na familia.
- - Denuncia de situacións de discriminación ás
mulleres seropositivas.
- - Solicitar ás institucións máis axudas públicas
para as mulleres con fillos e sen fontes de ingreso.
- Defendemos o aborto libre e gratuíto, contemplado nunha lei
que non coharte a liberdade da muller para decidir sobre o seu corpo.
- Reivindicamo-la existencia de centros de atención especializada
á mocidade no eido da sexualidade e anticoncepción.
- As agrupacións de X.S.G. farán un esforzo de cara ó
achegamento a entidades de mulleres progresistas, ou á creación
das mesmas como forma de achegamento á sociedade.
- Defendemos a autonomía, a iniciativa, e a ruptura de vellos
roles por parte das mozas da Organización, evitando os perxuízos
e comentarios machistas.
- POR DISCAPACIDADE FÍSICA OU PSÍQUICA
- Defensa da política de integración dos disminuídos
psíquicos, físicos e sensoriais na sociedade.
- Promoción das formas de integración como son o acceso
á formación ou ó mercado de traballo, evitando o illamento
en núcleos especiais.
- Esixirase maior sensibilización de cara ás novas construccións
nas nosas cidades e vilas, evitando as barreiras arquitectónicas
e denunciando aquelas barreiras existentes tanto nas rúas das nosas
cidades como en moitos edificios públicos.
- POR PROCEDENCIA E/OU RAZA
- RACISMO E INMIGRACIÓN
- Necesidade de empregar termos positivos no eido da sensibilización
e educación no tocante ós temas de racismo e xenofobia.
- A loita pola liberdade, a xustiza, a igualdade, a solidariedade, a
integración e a democracia, señas de identidade da nosa política,
deben reflexarse na nosa sensibilización de cara ós temas
de igualdade, en especial, no tema do racismo e da integración.
- É importante o traballo das actitudes individuais, xa que a
discriminación vai máis aló da agresión física
ou verbal. Discriminación é a exclusión e segregación
debido á orixe étnica, á cor da pel, relixión,
sexo, apariencia física, cultura, idioma, ideoloxía, etc.
- O racismo non afecta só á poboación inmigrante
(por exemplo, o pobo xitano) nen a tódolos inmigrantes (como os
procedentes de países ricos).
- O pobo xitano, legalmente, ten os mesmos dereitos no estado español
cós paios, por eso o racismo contra esta colectividade constitúe
a violación dos valores constitucionais.
- INTERCULTURALIDADE
- Na loita pola non discriminación racial hai que respetar e defende-los
dereitos sociais e civís da poboación inmigrada e das minorías
étnicas, apoiando e impulsando todo tipo de actos e mobilizacións
de denuncia de situacións de vulnerabilidade.
- Loitaremos polo dereito á residencia, traballo, dereitos políticos,
etc., destas comunidades.
- Para acada-la plena integración debe existir unha retroalimentación
entre as culturas que conviven no mesmo territorio.
- Debemos rexeita-la idea de asimilación (renuncia a particularidades
culturais) para a integración na sociedade das minorías étnicas
ou inmigrantes.
- Loitaremos contra o illamento en comunidades pechadas (guetos) que
son os que provocan a separación, o descoñecemento entre
as culturas e, en definitiva, a discriminación.
- Defenderemos o dereito de cada pobo, grupo étnico, relixioso
ou social a desenrola-las súas particularidades culturais, dende
unha prespectiva crítica que favoreza a interculturalidade e a integración.
- É necesaria a depuración, por parte das culturas que
conviven, dos valores que non favorezan o entendemento e a retroalimentación
ou que atenten contra os dereitos humanos. Esto acadaráse a traverso
dunha análise obxectiva, non etnocéntrica, é dicir,
en igualdade de condicións. Loitaremos contra as visións
etnocentristas,é dicir, a crenza na superioridade dun pobo sobre
outro.
- Rexeitamos as manifestacións sobre a agresión á
nosa identidade provocada polos hábitos dos colectivos inmigrantes.
- A política da U.E. está orientada cara o freno dos fluxos
migratorios e a consolidación das diferencias entre dous tipos de
cidadáns, que non teñen os mesmos dereitos, en vez de fomenta-la
integración.
- Esta política interestatal procede dos acordos de Schengen e
Train, fóra do control parlamentario.
- No convenio de Schengen a inmigración, o narcotráfico
e o terrorismo aparecen no mesmo apartado, cousa que aporta unha imaxe
delictiva da inmigración, fomentando o racismo e a xenofobia. Tamén
o trato policial do feito migratorio obstaculiza a liberdade de circulación
e residencia.
- Loitaremos polo cambio de política de inmigración, tanto
no estado español coma na U.E., baseado na política social
e de dereitos fronte á política administrativo-policial actual.
- A inmigración non se para con medidas represivas, senón
con solucións internacionais que permitan o autodesenvolvemento
dos países máis pobres.
- A integración na sociedade e a pertenza a unha minoría
étnica non teñen por qué ser contradictorias. Loitaremos
pola consideración de tódolos habitantes dun territorio como
membros de pleno dereito (a efectos legais e sociais), e pola posibilidade
de poder manter tradicións culturais e organizacións sociais
diferentes ás da sociedade maioritaria. A existencia de diferencias
culturais non debe supor un recorte dos dereitos sociais e políticos
das persoas que as practican.
- Son necesarias estructuras de representación da poboación
inmigrada ante as institucións que canalicen as reivindicacións
e defendan os intereses destas minorías. Estas estructuras (consellos,
fórums, etc.) deberán estar formadas por representantes de
asociacións de inmigrantes, O.N.G.s, sindicatos, etc.
- Debemos prever unha inmigración masiva, que podería provocar
un retroceso nos logros antixenófobos, debido ó paro e á
dura competencia polo emprego que xa existe actualmente, e que se incrementará
no futuro. Así mesmo, no caso particular do noso Estado, debemos
disminuí-las dificultades que conleva para a sociedade asumi-la
integración en Europa no tocante ó aspecto laboral, é
dicir, para asumi-la libre competitividade polo emprego. Para lograr esta
integración debemos promover campañas de concienciación
que demostren que, do mesmo modo que xente doutros países traballa
no noso, tamén poidamos acceder a postos noutros países da
Comunidade.
- Outro punto a destacar é o afloramento dos nacionalismos radicais.
Debemos estudia-las bases reais (económicas) que se esconden detrás
de certos postulados aparentemente ideolóxicos para posteriormente
concienciar á sociedade dos riscos que supón un nacionalismo
exacerbado
- A EDUCACIÓN.
- Existen nestes intres dous eidos de traballo principais:
- - A educación de toda a poboación nos principios de igualdade
entre as persoas, a valoración positiva da diversidade cultural
e a superación de prexuízos e estereotipos.
- - A educación intercultural alí onde haxa presencia de
nenos/as de minorías étnicas.
- A reforma do sistema educativo que se está a implantar, de xeito
que contemple a inclusión da educación intercultural como
un eixo común a tódalas asignaturas no programa educativo
dos centros de ensino.
- Para que esta presencia incida na educación do alumnado, debe
concretarse en:
- - Os contidos das materias e nos libros de texto.
- - As actitudes e valores que se transmiten ó alumnado.
- - A práctica dunha política non discriminatoria nin restrictiva
que permita o acceso dos fillos dos inmigrantes á escola.
- - O fomento de medidas políticas e sociais para a introducción
das rapazas e rapaces xitanos, en igualdade de condicións co resto
do alumnado e nos mesmos centros que éstes, para fomentar así
a convivencia interracial no sistema educativo.
- - O impulso das intervencións necesarias para evita-lo fracaso
escolar desta poboación.
- - O rexeitamento ás cuotas artificiais sobre a presencia de
fillos de inmigrantes ou etnias nas escolas e institutos.
- LEI DE INTEGRACIÓN E DE DEREITOS DOS EXTRANXEIROS NO ESTADO
ESPAÑOL.
- Deberá de ser recoñecido o dereito a emigrar das persoas
e de ser recibidas en calquera país en igualdade de dereitos que
os cidadáns do mesmo, recoñecéndose tamén o
dereito á libre circulación.
- O novo Código Penal pena as manifestacións máis
palpables e continuas de racismo. Debemos loitar para que os actos racistas
"sutís" como, por exemplo, a negación de acceso
á vivenda e á educación; que presentan dificultades
á hora de ser probados, sexan tamén penados. Reflexionaremos
sobre posibles medidas a favor da non violación da norma dun xeito
sutil.
- Moitas veces as forzas de seguridade, abusando de autoridade, agreden
a inmigrantes ou persoas pertencentes a unha etnia. Estes actos delictivos
normalmente quedan impunes, xa que, ou ben non se admiten as denuncias
presentadas contra a policía, ou ben unha vez admitidas procédese
ó seu arquivo por falta de probas.
- Ás veces a actuación da policía fronte ós
inmigrantes constitúe unha das situacións discriminatorias
e racistas máis graves que sofre esta poboación. O acoso
continuo solicitando a documentación públicamente a persoas
que, polos seus rasgos físicos, poden parecer inmigrantes (acto
racista en sí mesmo), reforza a asociación de inmigración
= delincuencia. Os medios de comunicación, cando presentan a orixe
como dato importante no caso de delincuentes, contribúen á
fixación de características delictivas a todo o grupo.
- Para o tratamento deste tema fai falla, por unha banda, a concienciación
social, e, por outra, a perda do medo ás forzas de seguridade. Como
xente nova en contra de calquera forma de violencia, debemos denunciar
tamén as accións violentas da policía sobre as persoas,
e loitar pola erradicación de ideas coma, por exemplo, que tódolos
membros dunha minoría étnica son delincuentes.
- Debemos contribuír a que a sociedade se mobilice contra a inxustiza,
que non manteña a súa actuación pasiva e permisiva,
que implica a continuidade destes feitos.
- DEREITO A VOTO PARA PERSOAS INMIGRANTES E REFUXIADAS.
- O recoñecemento da cidadanía convirte ó Estado
en impulsor da igualdade de dereitos e defensor da interculturalidade fronte
ó Estado represor ante a inmigración. Impulsaremos a modificación
e rebaixa das esixencias para adquiri-la nacionalidade do estado español.
Potenciarémo-la celebración de referendos e votacións
que, aínda que non sexan vinculantes, faciliten a integración
na sociedade dos inmigrantes.
- RELACIÓN DE X.S.G. COAS O.N.G.s ADICADAS Á LOITA A FAVOR
DA INTERCULTURALIDADE, O RESPETO E A SOLIDARIEDADE, ASÍ COMA CON
COLECTIVOS DE INMIGRANTES.
- A colaboración coas O.N.G.s e asociacións é vital
para o traballo nestes temas, xa que estas entidades contan con coñecementos
amplos e reais da área á que se adican. Establecerase o diálogo
con estas entidades. Faremos unha análise obxectiva das súas
opinións e, se procede, impulsaremos a mutua colaboración.
- Prestaremos especial atención a colectivos étnicos, ás
súas reivindicacións e sofrementos, contrastando as súas
opinións con outras, obtendo unha visión obxectiva do problema.
- Formaremos unha mesa de traballo que se encargue da análise
da situación das etnias e comunidades inmigrantes na nosa terra
e propoña as liñas de actuación específicas
neste eido.
- Participaremos en tódalas plataformas cidadás e apoiaremos
tódalas propostas institucionais a favor da convivencia, a paz,
o respeto, a interculturalidade, etc.
- POR SITUACIÓN ECONÓMICA
- A LOITA CONTRA A POBREZA E A EXCLUSIÓN SOCIAL.
- A pobreza (provocada polos camiños que levan as nosas economías
e sociedades na orde mundial) ameaza á cohesión social e,
o máis importante, á calidade de vida de moitas persoas.
- Ó falar de exclusión social, hai que falar de: baixos
ingresos, desemprego, condicións infrahumanas de vivenda, pésimas
condicións hixiénicas e sanitarias, baixos niveis de educación,
oportunidades ou grado de integración na comunidade local, etc.
- Dende X.S.G. impulsaremos a análise desta situación e
formularemos outros plantexamentos económicos e sociais, orientados
cara estados máis xustos e igualitarios.
- Os xóvenes socialistas promoveremos que dende as institucións
públicas se poñan en marcha políticas que favorezan
a eliminación da exclusión social (acceso á vivenda,
atención á drogadición e ás mulleres maltratadas,
etc.).
- Constituiremos unha mesa de traballo a nivel nacional que estudie fórmulas
para a erradicación e prevención da exclusión social.
Recoméndase á nosa militancia a participación nalgunha
organización de voluntariado como achegamento ás/ós
máis desfavorecidas/os, así coma actividades propias no seo
das agrupacións locais encamiñadas cara a disminución
das diferencias sociais.
- POR IDEOLOXÍA POLÍTICA E/OU RELIXIOSA
- Situámonos en contra de toda manifestación que trate
de conqueri-los seus obxectivos por medios violentos, xa que o fin non
xustifica os medios.
- Actuaremos sempre en contra de calquera tipo de violencia sobre as
persoas.
- Defendemos o Estado de Dereito como a forma máis xusta de organización
política das coñecidas ata o momento, de cara á expresión
e consecución duns ideais baseados no diálogo e no respeto.
- A loita violenta contra o sistema nútrese do deterioro social,
do desemprego, da falta de motivación dos nosos mozos, da crise
do Estado de Benestar, etc.
- Dende X.S.G. propoñemos:
- - Educación para o fomento dos valores democráticos,
a traverso de campañas de participación cidadá, nos
medios de comunicación, das propias actitudes persoais, nas familias,
nas escolas, etc.
- - Busca de novos cauces de motivación xuvenil e formas de ocio.
- - Loita pola erradicación das circunstancias socio-económicas
desfavorables que fomentan o descontento e a marxinación.
- - Solidariedade e colaboración con colectivos que sofren directamente
as accións dos violentos.
- - Protección e apoio ás víctimas.
- - Denuncia de todo tipo de actitudes discriminatorias, xenófobas,
intolerantes, antisemitas e racistas, ben sexa por institucións
ou organismos, ben por asociacións de carácter fascista.
- POR ORIENTACIÓN SEXUAL
- HOMOSEXUALIDADE, LESBIANISMO E BISEXUALIDADE.
- LEI DE PARELLAS DE FEITO
- Acadar unha lei que supoña, tanto para gais e lesbianas, coma
para a poboación heterosexual:
- - Dereito de sucesión.
- - Dereito a pensións.
- - Dereito a seguridade social da parella.
- - Dereitos e beneficios laborais segundo o estatuto dos traballadores.
- - Equiparación fiscal (posibilidade de declaración conxunta).
- - Nacionalización da parella extranxeira nas mesmas condicións
que o matrimonio.
- - Dereito de adopción e/ou patria potestade copartida no caso
de educa-los fillos dun membro da parella.
- - Indemnización no caso de morte por accidente de un dos membros
da parella.
- - Consideración de "primeiro familiar" nas mesmas
condicións que a/o cónxuxe.
- - Igualdade de oportunidades para todo tipo de acceso a beneficios
e axudas públicas.
- Fomentaremos a concienciación popular da necesidade desta lei
e presentaremos mocións a traverso dos grupos municipais socialistas
para a creación de Rexistros de Parellas de Feito nos concellos
galegos, ata que sexa aprobada dita lei.
- Loitaremos porque aparezan recollidos os mesmos dereitos que nesa Lei
de Parellas de Feito na Lei Galega da Familia que a Xunta de Galicia ven
de elaborar e de ser aprobada polo Parlamento autonómico.
- HOMOSEXUALIDADE E LESBIANISMO
- No ámbito da educación e igualdade, traballaremos por:
- - Unha educación sexual obrigatoria, obxectiva e científica,
que forme individuos respetuosos, libres e responsables.
- - A supresión de calquera manifestación discriminatoria
ou de patoloxía respecto á homosexualidade e ó lesbianismo
nos textos académicos.
- - Información adecuada sobre este tema na formación das
Forzas de Seguridade do Estado e dos funcionarios das prisións.
- No ámbito dos dereitos individuais e sociais, os nosos obxectivos
son:
- - Impulsar campañas antidiscriminatorias, defendendo o dereito
á diferencia e á libre orientación sexual das persoas.
- - Acadar un compromiso institucional sobre o trato deste tema nos medios
de comunicación.
- - Traballar pola creación do Instituto Galego para a Igualdade
Social, que se ocupe da promoción da igualdade e do dereito á
diferencia. Traballaremos tamén con asociacións e colectivos
que se adiquen a este tema.
- - Acudiremos a tódolos actos que sexan convocados na nosa terra
polos colectivos e ás manifestacións do 28 de Xuño
(Día do Orgulllo Gai-Lésbico) e, así mesmo, manteremos
un diálogo moi fluído con tódalas asociacións
e colectivos de Gays e Lesbianas existentes en Galicia, co fin de recolle-las
súas inquedanzas e reivindicacións.
- No ámbito internacional traballaremos por:
- - Un compromiso vinculante de non discriminación por causas
de orientación sexual no tratado de Maastrich.
- - Equiparación das parellas homosexuais ou lesbianas ó
matrimonio nos ámbitos que son competencia da U.E.
- - Reforma das directrices que afectan ós dereitos e beneficios
laborais, así coma á libre circulación das persoas.
- - Denuncia dos acordos da U.E. con países que penalizan a homosexualidade
e o lesbianismo.
- - Recoñecemento da International Lesbian and Gay Association
(I.L.G.A.) por parte da O.N.U.
- BISEXUALIDADE
- Este tema nunca foi traballado na nosa Organización, nin a nivel
federal nin nacional, pero non pode ser desprezado, ó tratarse dun
colectivo encuberto e fortemente discriminado.
- Para vence-los nosos estereotipos sobre esta cuestión (vicio,
promiscuidade, inestabilidade, dexeneración, crise, etc.) precisamos
documentarnos sobre o tema e o diálogo con persoas que se declaren
bisexuais. Tanto heterosexuais coma homosexuais e lesbianas piden a definición
cara un lado ou outro. Os bisexuais non entenden a súa sexualidade
coma un periodo de transición, nen unha cuestión de xéneros.
- Serán accións a desenvolver neste eido:
- - O recoñecemento de que a visión que temos da bisexualidade
é un condicionamento cultural.
- - Promoveremos unha educación sexual que non discrimine a este
colectivo, e aceptaremos a liberdade de cadaquén para vivi-la súa
sexualidade como quera.
- - A formación sobre este tema e a sensibilización cara
á non discriminación deste colectivo.
- - A formación dunha mesa de traballo que se encargue de analizar
e buscar solucións políticas ós problemas orixinados
pola orientación sexual dos individuos.
Calquera suxerencia podes dirixila a: xxssg@geocities.com