X.S.G.
COOPERACIÓN E SOLIDARIEDADE
- AS RELACIÓNS NORTE/SUR
- O problema máis preocupante na actualidade no referente á
solidariedade internacional é a eterna división entre o Norte
e o Sur do planeta, provocada por un sistema económico mundial que
produce grandes desigualdades, baseado nun réxime de relacións
comerciais que explota ó Sur.
- A interdependencia entre o Norte e o Sur non pode basearse, coma ata
o de agora, nun claro dominio económico e comercial do primeiro
sobre o segundo, nin na imposición cultural dos países desenvolvidos,
nin na imposición de modelos de crecemento agresivos co medio ambiente.
- Para axudar ós países do sur debemos axudar á
construcción de estados cunha certa estabilidade política
sen bloquea-las raíces culturais autóctonas.
- A cooperación no desenvolvemento dos pobos non debe medirse
soamente en termos materiais e económicos. Debemos tentar -sempre
que a poboación maioritariamente así o desexe- que se implanten
os valores democráticos.
- O esforzo neste tema é unha cuestión de xustiza social,
e debe encamiñarse a soluciona-la subordinación en materia
económica e social que padecen respecto ós países
desenvolvidos.
- Defendemos unha política común de desenvolvemento sostible,
en sustitución das actuais estructura e mecanismos de subordinación.
Consideramos como principal factor de axuda a educación, como base
para a prevención de conflictos bélicos e dunha axuda ó
desenrolo da economía; é dicir, axudar ós países
do terceiro mundo para que poidan traballar cos seus recursos naturais,
para que acaden a súa propia producción e para que os beneficios
désta recaian no seu propio beneficio, non no dos países
desenvolvidos.
- X.S.G. denuncia a venda e o tráfico de armas dos países
desenvolvidos ós países subdesenvolvidos.
- ACCIÓN E TRABALLO COAS O.N.G.s
- Establecerase o traballo con O.N.G.s progresistas que teñan
un ideal político que non sexa contrario ó do noso partido
e que traballen nos ámbitos da cooperación e solidariedade
cos sectores máis desfavorecidos da nosa sociedade e con todos aqueles
estados: non desenvolvidos, en conflicto, ou que sufran algún tipo
de catástrofe e deban ser apoiados con axuda humanitaria (sanitaria,
alimentaria, de acobexamento...).
- A importancia deste traballo baséase na eclosión de organizacións
e asociacións que traballan nunha gran diversidade de temas e que
conectan moi ben coa xuventude.
- É o noso deber penetrar en todo o tecido social, e o movemento
das O.N.G.s ofrece un achegamento ás inquedanzas da nosa sociedade.
- Defendemos o diálogo permanente entre as organizacións
de voluntariado, os movementos sociais e as administracións públicas.
Debemos ter claro que o voluntariado non debe sustituír ou suplir
ós servicios públicos, xa que estaría debilitando
as conquistas conqueridas.
- No eido do voluntariado propoñemos:
- - Que a administración cumpra un doble compromiso respecto ó
voluntariado: promocionar e informar a (e, á vez, permañecer
a disposición de), as O.N.G.s, ofertando medios e recursos para
que éstas realicen as súas actividades.
- - A creación dun foro permanente de interlocución e diálogo
entre as administracións públicas, as O.N.G.s e os axentes
socio-económicos, para articula-las respostas ós problemas
e ás iniciativas das O.N.G.s.
- - A sustitución das subvencións a proxectos de importancia
pública por convenios-programa, para establecer deste xeito as obrigas
recíprocas entre estas asociacións e a administración,
e, sobre todo, para introducir un principio esencial: a avaliación
dos programas nos que se gastan cartos públicos.
- Será traballo de X.S.G. nos vindeiros anos:
- - O impulso de campañas que dean a coñoce-lo traballo
das O.N.G.s ó conxunto da xuventude galega e as formas en que poder
traballar nas mesmas.
- - Impulsar todo tipo de actos e mobilizacións a favor de que
se adique o 0´7% do P.I.B. do Presuposto da Comunidade Galega e do
Presuposto de cada concello a proxectos de cooperación co Terceiro
Mundo.
- - Tratar de realizar exposicións de fotografías facilitadas
por diferentes O.N.G.s para, deste xeito, explicar e denuncia-las situacións
de penuria de diversas poboacións concretas.
- - Prestar unha especial atención en denuncia-las situacións
en que viven as poboacións de Timor Leste, Sáhara e Cuba,
tratando de impulsar axuda encamiñada a estas poboacións.
- - Colaborar con aquelas O.N.G.s adicadas á educación
para o desenvolvemento e para a paz, co fin de realizar campañas
conxuntas deste tipo.
- - Sensibilizar ós nosos cargos públicos, para que teñan
máis en conta o traballo das O.N.G.s.
Calquera suxerencia podes dirixila a: xxssg@geocities.com