1.ESCOLA (Presentación)

 2. CASTRO FLOXO

 3. ACTUACIONS

4. ESPECTÁCULO "RAIGAME"

5. FESTIVAIS

6..INVESTIGACIÓN

7. MÚSICA

8. BAILE

9. VESTIMENTA

10..ETNOGRAFIA

11.ACTIVIDADES DIVERSAS

12.REVISTA RAIGAME

13.CANCIONEIRO POPULAR DA PROVINCIA DE OURENSE

14.XORNADAS

 

 

  ESCOLA PROVINCIAL DE DANZAS •

DEPUTACIÓN OURENSE

Aptdo. / P.O. Box: 484 • Tel. / Fax: 34 (88) 24 94 93 • 32080 OURENSE

Dirección / Management: Mariló e Xulio Fernández Senra

E-mail: escdanza@lander.es

 

 

BUSCADORES

 

Páxina creada por: Carlos Iglesias.(01/10/97)

E-mail: floxo@cybergal.com

(En constante actualización)

  páx.principal


 

 


 

1.ESCOLA (Presentación)

 

A Escola Provincial de Danza foi creada pola Excma. Deputación Provincial de Ourense no ano 1984, contando na actualidade con máis de 5.000 alumnos ao longo de toda a xeografía Provincial e desempeñando unha función pedagóxica primordial no campo da nosa cultura popular através das clases de canto popular, danza e pandeireta, fomentando deste xeito o respecto e amor que a nosa tradición se merece. Por medio das súas clases ocúpase dos procesos educativos que desenvolven as capacidades motrices, afectivas e cognitivas necesarias para que os alumnos de todas as idades comprendan e asimilen que a danza e a música popular constitue un medio de expresión artística e de comunicación corporal e poidan coñecer e disfrutar das súas diferentes manifestacións. Para conseguir este obxectivo inténtase desenvolver o potencial que posúen todos os alumnos através da educación corporal e do movemento. O desenvolvimento destes aspectos será sempre adecuado ás características dos alumnos sen que o seu rendemento sexa sometido a normas fixas que deban cumprirse a unha idade ou dentro dun periodo determinado.

Consideramos que é necesario conservar como legado cultural a música e danza popular e sentímonos orgullosos e á vez na obriga de transmitir e fomentar o respecto e amor que a nosa tradición e cultura popular se merecen.

 

Para conseguir os seus obxectivos, a Escola dispón dunha sede central na cidade de Ourense e de diferentes seccións-delegadas repartidas ao longo de toda a provincia de Ourense. Estas seccións-delegadas, son dirixidas por Profesores-Colaboradores, antigos alumnos da propia Escola e membros do Grupo CASTRO FLOXO que ensinan aos seus alumnos os nosos bailes, ritmos, cantigas e costumes populares, intentando inculcarlles hábitos que fomenten o amor, interés e respecto que a nosa cultura se merece.

 

As clases da Escola Central, imapártense de Luns a Venres en horarios de mañá e tarde para facilitar a asistencia ao maior número posible de alumnos. Estes, unha vez matriculados, distribúense en grupos homoxéneos, tendo en conta niveis de aprendizaxe, idade, disponibilidade horaria, etc. e ao longo de todo o curso académico seguen un programa de aprendizaxe longamente experimentado, onde se combinan clases teóricas e prácticas con diferentes actividades lúdicas que conforman un variado, pedagóxico e entretido programa educativo.

 

 Voltar

 

 

 

2. CASTRO FLOXO

 

Agrupación nacida no ano 1977 co claro obxectivo de recuperar, promocionar e difundir o folclore galego coa dignidade rigor e autenticidade que a arte, cultura e tradicións populares se merecen, CASTRO FLOXO constitúe na actualidade o máximo exponente artístico da Escola Provincial de Danzas. É o último eslabón dunha cadea de aprendizaxe e perfeccionamento que os alumnos máis aventaxados van percorrendo ao longo da súa permanencia na Escola. Pertencer a este grupo é a máxima aspiración de todos os alumnos e supón a culminación exitosa dun longo proceso de aprendizaxe no eido da música e da danza popular.

En todas as súas actuacións Castro Floxo amosa a riqueza, variedade, gracia, corido, sentimento... do folclore galego na súa meirande dimensión, tratando de facer unha divulgación que ao mesmo tempo que vistosa e fermosa sexa auténtica e orixinal.

 

 Voltar

 

 

3. ACTUACIONS

 

A Escola Provincial de Danza, através dos distintos grupos, desde os máis cativos até Castro Floxo, en todas as súas actuacións mostra o verdadeiro folclore galego na súa auténtica dimensión: música, canto, baile, vestimenta e costumes populares, mestúranse enriba do escenario e dando unha imaxe global do noso folclore con toda a súa riqueza e variedade. Todas as variantes da música e do baile popular galego: muiñeiras, jotas, carballesas, mazurcas, danzas procesionais, danzas gremiais, esparabáns e pandeiradas descorren polo escenario, interpretadas con unha enorme gama de traxes que van desde o máis sinxelo traxe de faena ao máis rico traxe de festa, pasando polos vistosos e orixinais traxes das danzas procesionais e gremiais. Música, baile, vestuario e costumes populares, combínanse sobre o escenario dun xeito natural, constituindo toda unha colección de estampas representativas da arte cultura e tradicións populares da nosa terra.

 

A Escola Provincial de Danzas através do seu máximo exponente Castro Floxo ten ofrecido concertos e participado en numerosos festivais en paises tan diversos como:

Alemaña, Alxeria, Austria, Bélxica, Canadá, Escocia, España, Francia, Grecia, Hungría, lnglaterra, Irlanda, Italia, México, Polonia, Portugal, Suiza, Ukrania, U.S.A.

 

   Voltar

 

 

 

4. ESPECTÁCULO "RAIGAME"

 

Todos os campos investigados pola Escola, concéntranse e sintetízanse no espectáculo "RAIGAME", que constitúe un compendio de arte, cultura e tradicións populares e que ambienta cada actividade no seu entorno espacio-temporal.

Este espectáculo está configurado como un amplo e variado mosaico de cadros populares, onde a música e o baile se complementan con escenas propias e características da época do ano e do ambiente laboral ou festivo en que se desenrolan.

Ao longo das dúas horas de duración do espectáculo van desfilando por diante dos espectadores cadros tan entrañables e característicos do noso pobo como poden ser festas, fiadeiros, romerías, procesións...

Este espectáculo conxuga antigas tradicións xa esquencidas e recuperadas pola Escola, con manifestacións vivas e latentes do noso folclore como pode ser o entroido.

 

    Voltar

 

 

5. FESTIVAIS

 

Para motivar e incentivar a todos os alumnos e para promocionar e abrir a Escola á sociedade, divulgando as súas actividades, periodicamente, organízanse festivais en distintas localidades da nosa provincia. Estos festivais carecen de caracter competitivo e neles participan alumnos de todas as idades e de todas as seccións delegadas da Escola, converténdose deste xeito nunha oportunidade de convivencia e confraternización, onde os alumnos se senten protagonistas e amosan, orgullosos, os seus progresos no eido da música e do baile popular.

 

  Voltar

 

 

 

 

 

 

6..INVESTIGACIÓN

 

 

Para garantir a autenticidade no ensino, promoción e divulgación da arte, cultura e tradicións populares, a EscolaProvincial de Danzas conta co seu ropio equipo de investigación, que ven percorrendo desde fai anos toda a xeografia galega en percura de calquera vestixio que neste eido poida subsistir na realidade ou na memoria das nosas xentes. Todo o material recollido por este equipo de investigación, despois de ser axeitadamente seleccionado e clasificado pasa a formar parte do arquivo correspondente. O material arquivado, é despois concienzudamente estudado e incorporado ao repertorio da Escola para ser amosado ao público en todas as actuacións.

 

   Voltar

 

 

 

 

 

7. MÚSICA

 

Traballo de campo e investigación bibliográfica combínanse para descobrir e sacar á luz coplas e cantigas populares que pouco a pouco van engrosando os arquivos musicais da Escola e enriquecendo o seu repertorio.

Todo o material recuperado, unha vez estudado e axeitadamente clasificado, é divulgado através das publicacións da Escola e, como non, é incorporado como material pedagóxico e como repertorio artístico para as actuacións cara ao público.

 

    Voltar

 

 

 

 

8. BAILE

 

Ata os máis afastados rincóns da nosa xeografía teñen chegado os equipos de investigación da Escola para recuperar calquera vestixio de baile popular ou de danzas relixiosas ou gremiais. Milleiros de Km. percorridos, centos e centos de informantes entrevistados, horas e horas de gravacións videográficas... foron necesarios para completar un amplo arquivo repleto de numerosos e variados bailes e danzas da nosa terra. Bailes e danzas que posteriormente foron estudados e analizados axeitadamente para, seguindo un riguroso proceso, seren reconstruidos e completados adecuadamente co fin de seren empregados como instrumento pedagóxico na Escola e para interpretar no escenario nas actuacións cara ao público.

 

     Voltar

 

 

 

 

 

9. VESTIMENTA

 

A través dun laborioso proceso de investigación bibliográfica e dun lento traballo de recolección de traxes e pezas antigas, fóronse recuperando, total ou parcialmente numerosos modelos de vestimenta típica e popular galega. Numerosos traxes de todas as épocas, provincias, clases sociais e mesmamente gremios foron reconstruidos através deste traballo de investigación e forman parte do vestuario que, dependendo do tipo de actuación ou espectáculo é exhibido en todas e cada unha das súas actuacións polos distintos grupos artísticos da Escola.

 

Voltar

 

 

 

 

10..ETNOGRAFIA

 

Como complemento da investigación, recuperación e difusión levada a cabo nos campos da música, danza e vestuario, a Escola Provincial de Danza, ven desenrolando este mesmo traballo no eido da arte, cultura e tradicións populares galegas en xeral. Traballos, oficios, arquitectura popular, literatura popular, costumes e tradicións son algúns dos aspectos obxecto de investigación, recuperación e divulgación dentro do proxecto global de conservación do noso patrimonio cultural.

 

  Voltar

 

 

 

 

 

 

11.ACTIVIDADES DIVERSAS

 

 

Dentro do seu programa de divulgación e difusión, a Escola organiza periodicamente unha serie de actividades destinadas a todo tipo de público e que teñen unha ampla difusión e unha grande repercusión nos distintos ambientes e medios locais. Programa de Radio, Gravacións musicais, exposicións ou conferencias, talleres de confección de traxes e bordados tradicionais, son algunhas das actividades complementarias da Escola que axudan a difundir o traballo que en prol da arte, cultura e tradicións populares da nosa terra ven desenrolando esta Escola desde a súa creación.

 

   Voltar

 

 

 

PUBLICACIÓNS.

 12.REVISTA RAIGAME

 

En Maio do ano 1995, a Escola puxo en marcha un ambicioso proxecto de publicacións coa saída ao mercado do Nş 0 da revista "Raigame", que naceu coa clara vocación de orgao de difusión de arte, cultura e tradicións populares aberto a todos aqueles que desexaren que a memoria do noso pobo non se perda, contribuindo na tarefa da investigación, recuperación e difusión da nosa "raigame" para manter vivo o espíritu dos nosos antergos.

Nesta revista teñen cabida todas as colaboracións de entidades, organismos e persoas físicas que desexen divulgalas a través da súa publicación.

A dirección da revista respecta integramente as formas e contidos dos traballos remitidos, sen que iso signifique compartir as ideas e opinións dos textos publicados, e tenta garantir mediante a súa selección, a calidade e rigurosidade cientifica necesarias para acadar o prestixio que a arte, cultura e tradicións populares se merecen.

 

  Voltar

 

 

 

 

 

 

13.CANCIONEIRO POPULAR DA PROVINCIA DE OURENSE

 

O "Cancioneiro Popular da Provincia de Ourense" Vol 1, constitue a primeira pedra do grande proxecto de publicacións monográfica que a Escola está a desenrolar na actualidade.

Este Cancioneiro é un amplo estudo de coplas e cantigas populares da nosa provincia, transmitidas oralmente de xeración en xeración e recuperadas polos equipos de investigación da propia Escola que tenta deste xeito manter sólida a nosa historia e garantir a pervivencia dunha riqueza cultural que doutro xeito correría un grande perigo.

Neste libro, ademais de numerosas partituras, o lector atópase con centos de cantigas de amor, de divertimento, de humor, de traballo, relixiosas ou de desafío. Cada unha destas cantigas ten o seu encanto específico e, desde logo en todas elas agáchase un grandioso saber popular.

 

   Voltar

 

 

 

 

 

 

14.XORNADAS

 

Desde a primeira edición das "Xornadas de Folclore" no ano 1984 a Escola Provincial de Danzas formou parte da súa organización, aportando toda a súa experiencia e a dos seus membros en festivais internacionais e todo o seu elenco humano para o desenvolvemento exitoso de todas e cada unha das edicións, para amosar aos máis de 40.000 espectadores que acoden cada ano dun xeito gratuito ao mellor do folclore mundial.

Estas "Xornadas de Folclore" chegan cada verán a dezasete concellos, abarcando a totalidade da provincia ourensana e extendéndose a concellos limítrofes como Monforte de Lemos e Chaves.

 

Nos últimos 13 anos, as "Xornadas de Folclore", teñen amosado o excelente folclore de numerosos grupos procedentes dos paises máis dispares de todo o mundo:

Antillas, Alxeria, Argentina, Baskiria, Benin, Brasil, Bulgaria, Burundi, Cabardino-Balcaria, Canadá, Colombia, Congo, Corea, Costa Rica, Cuba, Checoslovaquia, Chile, China, Daguestán, Exipto, Escocia, España, Filipinas, Finlandia, Francia, Grecia, Haití, Honduras, Hungría, lndonesia, India, Islas Cook, Israel, Irlanda, Italia, Xordania, Kalmikia, Lituania, Malasia, México, Mongolia, Osetia, Panamá, Paraguai, Perú, Polinesia, Polonia, Portugal, Puerto Rico, Rumania, Rusia, Senegal, Siberia, Sri Lanka, Suecia, Tibet, Togo, Turkía, Ukrania, Venezuela e Iugoslavia.

 

    Voltar