Xosé González
Lopez, natural de Carballo de Hospital, aldea do concello de Quiroga, faleceu
o 10 de setembro de 1997.
A penúltima
vez que estivo nun hospital, para ser intervido nunha operación,
levou un caderno, coa intención de escribir nel as súas
memorias durante os días que tivese que quedar alí.
Somentes tivo
tempo de escribir unha introducción na que contaba que foi polos
meus tres irmáns e máis eu, os seus catro netos, por quen decidiu
escribir as súas memorias:
Meu avó
perdeu a fala nesa operación a causa dunha trombose, non foi exactamente
perder a fala.. a palabra médica é "afasia", esqueceu como
combina-las letras para formar palabras. E naquel caderno quedou
unha inroducción sen rematar, e unha chea de palabras ou intentos
de palabras.. nomes de pobos ou xentes que escribía cando non eramos
quenes de entendelos coa súa mímica e os seus balbuceos..
Chamábanos "burros" de seguido. Esa era das poucas palabras que se lle entendían perfectamente: "burro", "Ai Deus", "Carallo"... Carallo.. lembro unha vez que na miña casa, en Vigo, amoseille un programa do ordenador no que unha voz lía con acento yankie todo aquelo que ti escribiras. El escribiu "carallo", e non paraba de rir.. caéndoselle as bágoas e berrando 'Ai Deus' mentres escoitaba como unha voz ridícula pronunciaba sen paixón ningunha a palabriña..
Meu avó
non chegou a escribir as súas memorias, pero quedan nas nosas
mentes moitos recordos, e perdoade se me estendo de máis gardando
algúns deles nesta páxina: xogaba ó tute coma ninguén..
polas noites eu marchaba para a cama, coa miña irmá, e cando
ela quedaba durmida erguíame e corría á terraza, onde
me agardaban el e os meus dous irmáns, para xoga-la partida.
Non había
noite en que non asomara a cabeza á nosa habitación, co seu
sorriso e os seus ollos vivarrachos, e non había noite en que non
lle pedíramos un conto. Non coñezo a ninguén que conte
os contos tan ben como os contaba o meu avó..
Nos seus ratos libres.. os poucos
ratos libres que deixa o traballo do campo, tallaba a madeira. E a proba
de que non se lle daba nada mal, son varias exposicións que fixo
en Quiroga, Ponteceso, Silleda.. e os distintos encargos ou regalos que
fixo.
Eu lembro especialmente
un relevo que quedou na igrexa de San Salvador de Hospital, e que sempre
me amosaba, con ollos brillantes cando íamos á misa. O meu
mellor recordo: foi unha noite que pasei na casa, en Sampaio. El andaba
algo tristón, e eu non daba durmido na cama, por que metéraseme
na cachola que necesitaba dicirlle que o quería.. como se non o
soubese. Parecíame parvo erguerme, achegarme a el, que aínda
estaba no salón coa televisión prendida, e soltarlle un "quérote".
Parvo no sentido de que non cría que puidera entender a magnitude
desa palabra. Non era un "quérote" mimoso, coma os abrazos agarimosos
que lle daba a miúdo ó calor da fogueira, ou os bicos que
me daba el, picando coa súa barba a medio afeitar. Era un "quérote"
que saltaba do corazón á gorxa. O pensamento máis
sincero e certo que tiven na miña vida. ¿En que ton debe
dicir alguén un "quérote" semellante?.
Saltei da cama
e marchei cara ó salón. Sen saber exactamente qué
facer, pero segura de que non podía seguir mais alí tumbada..
Limpei as bágoas e entrei.
Alí estaba o meu avó,
cunha talla enriba da mesa, boca abaixo, tratando de escribir algo. Senteime
canda el e tratei de axudarlle.
Nunca tomei
unha decisión tan acertada como a de erguerme aquela noite. Alí
estaba eu, sentada a carón do meu avó, interpretando cada
un dos seus xestos, balbuceos, e palabras mal escritas.. o seu nome escribíao
perfectamente "Xosé González Lopez" .. pecha e abre os ollos..
¡¡naceu!!.. o nome do lugar non tiven que axudarlle
a escribilo..
E cada vez que
acertaba unha palabra.. unha aperta.. e eu saltando da cadeira de felicidade.
¿Que qué é isto? Pois o Crismón da Hermida.
¿Que non? .. ¿como que non? ¿Non é o Crismón
da Hermida? Si pero non.. si pero non. Mira que tardei eu, de parva, en
darme conta.. e el berrándome unha e outra vez, cun sorriso impaciente,
BURRA!!!
....
E por fin..
¡¡UNHA
REPRODUCCION!! ¡Unha reproducción do Crismón da Hermida!
Menuda aperta que me deu.. e alí quedei eu abrazada.. os dous triunfantes..
e susurreille por fin o "quérote".
Xa non hai moito mais que contar,
por que aí quedou a lembranza máis feliz da miña vida.
A el van adicadas estas páxinas.. nas que co tempo irei intentando escribir os contos que el me contou, e outros que seguramente coñecía.. e outros que irei atopando, e que de seguro lle iría contando eu se estivese vivo, igual que lle contei os seus, cando xa non mos podía contar el, e asomaba a cabeza á habitación polas noites, e eu mandábao entrar, para lle contar un conto. E el ría tapando a boca, esvarando algunhas bagoas.. e eu abraiábame o ver que podía existir no mundo alguén tan feliz.. e, aínda máis, alguén tan feliz a pesares de todo.
Tamén quero agradecer a Bieito Romero que me fixera lembrar a necesidade do que pretendo facer: o comezo do curso, os estudios lograron que esquecera as miñas intencións, escoitar a historia dos Raqueiros e os seus consellos, axudoume a espertar as miñas inquedanzas.. Tamén teño que agradecerlle a bibliografía recomendada e, naturalmente, un consello que, ainda que é (ou debería ser) por todos coñecido, nunca ven de máis lembra-lo: "non deixes de escoitar nunca aos teus maiores xa que de ahí ven a sabiduría máis ancestral."
Contos, cantigas,lendas, refráns.. e un berro de "SOCORRO" por se alguén que se achegue por aquí, ten algo que contar ou correxir.
Non están todos os que son.. nin son todos os que están (algunhas cousas xa non lembro de onde diaños as saquei, e algúns destes libros aínda non os 'utilicei' para amplia-la páxina.. eso si, todos son mais que recomendables).
Las leyendas tradicionales gallegas (Leandro Carré Alvarellos). Ed. Espasa-Calpe
Lebhar Ghabala (ou libro das invasions de irlanda.). Ed. Akal
Ritos y creencias gallegas (Xesús Taboada Chivite. Ed. Akal
Antropología Cultural de Galicia (Carmelo Lisón Tolosana). Ed.Akal
Contos populares de Galiza (Luis Carré Alvarellos)
Contos populares da provincia de Lugo Editorial Galaxia.
Lendas galegas de tradición oral (X.M. González Reboredo) Ed. Galaxia
Contos e Lendas dos países celtas (Jean Markale)
Lembranzas de vellos Editado po-la Xunta de Galicia